O pasado día 9, tivemos a gran ocasión de realizar a primeira Xornada Vocacional do curso. Un día de encontro dos mozos do arciprestado do Val Miñor, co Señor.

A xornada comezaba cunha moi ben ambientada benvida chea de alegría con xogos e algún que outro baile, cos que os máis novos puidéronse coñecer entre eles e activarse xa de mañá. A continuación, tiveron un intre de oración centrado no tema que englobaba toda a convivencia “a vocación cristiá”, onde se nos deu a coñecer a Jesús como aquel que actúa e esta presente en toda a nosa vida, en todo o que facemos e ao que debemos dar grazas por todo o que temos.

Co tema da vocación cristiá, tratouse de facer ver, aos participantes, que na nosa vida como cristiáns son chamados á misión. Esta misión comeza coa vida e concrétase por medio do bautismo. Logo, ao longo da nosa vida, podemos concretar esa chamada nas distintas vocacións (matrimonio, sacerdocio, vida consagrada, vida laical).

Para o desenvolvemento do tema, contouse con diversos testemuños das distintas vocacións. Un sacerdote, dúas relixiosas e un matrimonio foron os invitados, os que contando a súa vocación e recibindo preguntas, os nenos puideron comprender que é algo que esta ao alcance de todos.

Unha xornada chea de vida, de alegría e intensa para tratar de coñecer o que é a vida cristiá no mundo e como habemos de concretala co sentido de misión. Damos as grazas a todos os que puxeron o seu granito de area, para que este día fose posible e poñemos a forza nas seguintes xornadas que haxa ao longo da diocese e centrado a nosa mirada no próximo 14 de marzo no Seminario Maior coa Xornada vocacional diocesana.